Neste post “REPENSANDO A ESCOLA” comentarémosvos unhas liñas sobre un proxecto ilusionante que nos mantén moi ocupados durante este curso escolar. A iniciativa xorde desde o claustro de profesores do centro público de educación infantil e primaria CEIP Ortigueira en Santa Cruz de Ribadulla na provincia de Coruña. Alí danse unhas circunstancias propicias, un claustro ben levado, xove, con iniciativa, que ademais mantén boas relacións coas asociacións de pais…
Este bo entendemento demóstrase cos feitos, profesores e pais deron xuntos varios pasos anticipándose ou arrastrando ás administracións para actuar no centro como ocorreu co caso do servizo de comedor que eles puxeron en marcha “convidando” a todos a colaborar no que hoxe xa é unha realidade.
Lonxe de quedar neste punto propuxeron algo máis ambicioso unha reforma a gran escala do centro fundamentalmente co obxectivo de mellorar as condicións xerais do centro que se traducen en dúas liñas de acción;
+ Actualizar as instalacións aos novos requirimentos de hixiene, uso e didáctica.
+ Conectar os diferentes edificios do complexo (infantil e primaria) que desde a súa orixe funcionaron próximos pero separados.
É un caso inusual onde SISTEMA LUPO pode achegar ao tempo a súa experiencia como arquitectos e como servizo educativo así que non dubidamos en involucrarnos ante a oportunidade que supón proxectar coa complicidade da comunidade educativa.
Plantexamos manter e fortalecer esta colaboración coas partes implicadas un proxecto de tinguiduras sociais que involucre a toda a comunidade educativa. Non se trata dun proxecto arquitectónico externo nin tampouco pretendemos disfrazar o proceso de falsa colaboración expondo unhas actividades de arquitectura para nenos se non existe unha simbiose real entre todas as partes.
Polo ambicioso do proxecto tampouco se expón a curto prazo, ésto será un programa gradual que se alongará ao longo de varios cursos escolares e cuxos resultados deben verse paulatinamente.
Os primeiros pasos desenvolvéronse en paralelo ao curso escolar 2014/15 incluíndo no programa académico unha serie de talleres de carácter analítico que xa están en marcha. O obxectivo destes primeiros talleres é coñecer o centro a través da súa peculiar historia para entender como chegamos a este punto. Neste sentido exponse dúas grandes actividades;
+ A maqueta do centro a escala 1:100
+ Os planos da memoria
A maqueta serviunos para interpretar o colexio como un conxunto de elementos onde as edificacións, as árbores, as zonas de xogo, areneros , patios… foron obxecto de análise. cales son as partes máis frecuentadas? Por que? … Todo iso foi desenvolto mesturándose co currículo oficial a modo de proxecto educativo que engloba o resto de materias. Deste xeito a xeometría, as escalas, os cambios de unidades, a historia, a música ou a ximnasia servíronnos de apoio.
O resultado da maqueta pode observarse nas imaxes e tamén o grao de detalle. En posteriores cursos ampliaremos a escala e meterémonos no desenvolvemento da aula. Todos os alumnos do centro pasaron pola maqueta cada un coas posibilidades e destrezas propias da súa idade pero en definitiva serviu de nexo de unión entre todos para fortalecer esa idea de proxecto común do centro.
Para dar o salto ás familias proponse o PLANO DA MEMORIA. O CEIP de Santa Cruz foi inaugurado en 1927 e responde a unha historia de vital importancia no desenvolvemento educativo nacional pois o edificio orixinal responde a un dos poucos exemplos construídos de prototipos escolares realizados polo arquitecto Antonio Flórez, (tamén coñecido como o arquitecto das escolas, e autor entre outros do edificio da mítica Residencia de Estudantes en Madrid). Nestes prototipos de principios do século XX, estreitamente vinculados ás directrices da Institución Libre de Ensino pretendíase unha gran revolución social a través da mellora das condicións (entre outras arquitectónicas) do ensino. Este prototipo (que hibrida dúas tipoloxías), deu cabida desde entón a todas as xeracións de nenos e nenas de Santa Cruz ata converterse nun “monumento” social, que goza de gran respecto entre a comunidade, polo singular do seu aspecto, claramente diferenciado de calquera outra construción veciña e evidentemente polo agarimo que xeralmente espertan en toda persoa os recordos da educación infantil.
A partir deste punto realízase un traballo de investigación sobre o edificio en arquivos de diferentes organismos e tamén apoiándonos en investigadores que xa iniciaran este estudo. O noso obxectivo é trasladalo á comunidade educativa, primeiro a profesores e alumnos e finalmente ás familias que serán as encargadas de completar cos seus recordos a historia global do centro, agora ganduxada pero con grandes lagoas por falta de información.
En paralelo a estas dúas grandes accións e para dar cabida a todo o material que empeza a xurdir froito do proxecto propoñemos invadir un espazo actualmente en desuso “a antiga casa do mestre”. Alí estamos a desenvolver outro micro proxecto de cuxa evolución vos manteremos informados.
Por suposto o material lupo está a ser usado polos grupos para desenvolver retos sobre arquitectura en xeral e sobre partes do edificio específico como os diferentes ocos e materiais utilizados na construción.
Deixámosvos con algunha imaxe das sesións realizadas ata a data.
Repensando a Escola
[ver en issuu]